A adega de Rías Baixas Mar de Envero recibe a visita do empresario xaponés Hirosuke Matsui

Hirosuke Matsui visita Mar de Envero

11/10/2013

O pasado martes, 8 de outubro, a adega Mar de Envero tivo o pracer de recibir a visita de Hirosuke Matsui, empresario xaponés propietario dunha importadora, ademais da cadea de restaurantes Spain Club de Tokyo. Hirosuke Matsui, con quen o enólogo Manyo Moreira coincidiu durante a súa última visita a Xapón, acudiu a Galicia co obxectivo de coñecer a algúns dos produtores galegos cos que traballa.

Hirosuke Matsui no Concello de Santiago de Compostela

A expedición xaponesa arrancou o día cunha visita protocolaria ao Concello de Santiago de Compostela, onde foi recibida polo alcalde Ángel Currás. Dende alí, o equipo da adega Mar de Envero conduciunos ao mosteiro de Armenteira, un lugar ineludible á hora de afondar nas orixes da uva Albariño.

Tras gozar dun aperitivo con vistas á ría en Cambados, a seguinte parada levounos aos viñedos da adega Mar de Envero, onde os visitantes asistiron con entusiasmo á vendima, charlando cos traballadores e degustando acios de uva recén cortados.

Hirosuke Matsui visita Mar de Envero

A continuación acudiron á adega, onde Manyo Moreira lles explicou con todo detalle o proceso de elaboración dos seus viños, respondendo ás numerosas preguntas formuladas polos convidados, que demostraron unha grande inquietude vitivinícola.

Como broche de ouro, o grupo celebrou unha comida a base de produtos frescos do Atlántico nun restaurante do Val do Salnés, tras a cal Hirosuke Matsui e os seus acompañantes se despediron para continuar a súa viaxe por Galicia.

Grazas pola visita, feliz regreso e ata a próxima!